Monday 13 de May de 2024

Fene aproba a distribución dos fondos asignados no POS+ para obras e gastos sociais


O pleno do Concello de Fene aprobou na mañá do venres o destino dos fondos consignados no POS+ 2023 e no primeiro Plan Adicional da Deputación, que ascenden a algo máis de 466.000 euros entre investimentos en infraestruturas e gasto social. Este ano o Goberno local deseñou unha distribución que atenderá principalmente á mellora da rede viaria, dos servizos básicos e á ampliación da atención domiciliaria por parte do SAF. Como novidade, os fondos provinciais non se dedicarán a cubrir parte do gasto corrente municipal, algo que viña sendo habitual en convocatorias anteriores e que é tamén habitual noutros concellos da comarca. Ademais, na sesión -onde os investimentos saíron adiante cos votos favorables dos membros do bipartito BNG-EU e do PSOE- tamén se lle deu o visto e prace ao Plan Complementario, que se executará na medida en que a Deputación xere máis partidas económicas para o seu financiamento. Son outros case 320.000 euros para a reparación integral, incluído saneamento e mellora da seguridade peonil, do camiño do Castro e a rúa Beiramar.

Nos capítulos que contan cunha achega fixa por parte do ente provincial entraría o aglomerado dos 750 metros do camiño do Redondo, situado no núcleo do mesmo nome da parroquia de Magalofes, que está cuantificado en 78.772,57 euros.

Tamén se deseñou un proxecto para construír unha nova senda peonil paralela ao camiño do Regueiro, en Fene, que ademais de mellorar a seguridade das persoas viandantes tamén permitirá darlle un sentido circular ao paseo da ribeira de San Valentín, xa que a nova senda -duns 650 metros de percorrido- comezaría a escasos metros do seu remate e enlazaría de novo coa rúa Tellerías. O investimento previsto ascende a 182.155,55 euros e será a primeira actuación de calado nesta zona despois de que o Concello coordinase coa veciñanza un estudo de detalle de cara a harmonizar no PXOM a aliñación das propiedades colindantes coa estrada.

Por outra banda, dentro dos investimentos previstos con cargo ao POS+ incluíronse tres actuacións relativas á mellora do abastecemento de auga municipal. A primeira delas agrupa nun mesmo proxecto as obras que se levarán a cabo na rúa Travesa e no Camiño do Inferniño, preto do centro urbano de Fene, cuxo orzamento de execución ascende a 79.953,91€. A segunda intervención sobre o abastecemento executarase ao longo da rúa Tellerías, cun custe de 72.470 euros.

Alén de aprobar as actuacións que xa dispoñen de asignacións económicas definitivas, no pleno extraordinario do venres tamén se ratificou un único proxecto incluído no Plan Complementario para renovar o saneamento e o firme da trama formada polo camiño do Castro (335m.) e a rúa Beiramar (415m), en Barallobre.

Na práctica efectuarase unha reurbanización completa de ambos eixos, xa que ademais de cambiar canalizacións de pluviais e fecais para logo botar aglomerado, tamén se habilitarán novas zonas de tránsito peonil que melloren a seguridade e a accesibilidade. O prezo das obras ascende a 319.929,94€, aínda que, iso si, para a súa execución haberá que agardar a que a Deputación da Coruña libere máis fondos económicos.

Plan Adicional 01/2023
Esas novas partidas que o ente provincial vai xerando ao longo do ano cos seus remanentes son as que nutren os chamados “plans adicionais”. Esta denominación tamén se aplica a programas extraordinarios como o denominado POS Social que se habilitou durante a pandemia para cubrir gastos extraordinarios soportados polos concellos e que agora, nun novo contexto de crise, segue manténdose coa finalidade de sufragar os custes de servizos asistenciais ou a creación doutros novos neste ámbito.

No caso de Fene, os 72.534,08€ do Plan Adicional 01/2023 -o POS Social- dedicaranse ao cofinanciamento do Servizo de Axuda no Fogar, en previsión da ampliación do número de horas prestadas -case 600 máis que en 2022- e tamén do aumento de custes do servizo domiciliario.